Comba Campoy non escolleu ser actriz; o cine elixiuna a ela. Un día ofrecéronlle un papel na TVG. Dous anos despois protagoniza unha película
04 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Comba Campoy amosa no seu ollar a mesma mestura de forza salvaxe e dozura que tiveron no seu tempo actrices que xa son mitos, como Liv Ullmann ou Bibi Andersson. Comba non é escandinava, nin falta que lle fai. É de aquí, de Santiago e vén de protagonizar a última película de Juan Pinzás, Días de Boda. Cando aínda estudiaba Xornalismo, alguén viu nos seus ollos un futuro de éxito. -¿De que forma contactou co director? -Necesitaban unha Sonia (a súa personaxe) e despois de moito buscar, un día chamáronme, fixen unha proba e gustei. Todo moi rápido. -¿Como é a personaxe que fai na película? -Nun principio é moi inxenua, pero pouco a pouco vai cambiando as súas ilusións por realidades. -¿Que cre que aporta o dogma ó cine? -Unha revolución. Faise máis doado contar historias cercanas, con interpretacións máis sinceras e con máis vocación artística que mercantil. -¿É o primeiro traballo dogma que fai? -Si, é moi distinto a unha serie de televisión, onde está todo planificado. Aquí, os actores temos moita máis liberdade. -¿En que sentido é mellor o traballo de actor? -Permítenos interpretar con máis sentimento. En realidade non se actúa en ningún momento, vívese a historia. E o feito de que a cámara te siga (e non ó reves), tamén axuda moito. -¿E que tal o audiovisual galego? -Creo que está nun bo momento que debe ser aproveitado. O cine galego debe decatarse de que é un erro traer actores de fóra. Aquí hai unha gran canteira de intérpretes novos con moito talento.