«Ata me preguntaron cómo se chegaba ás covas de Altamira»

La Voz

SANTIAGO

Anu Pitkanen, informadora turística na oficina de Incolsa

19 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Anu Pitkanen naceu en Kuopio, Finlandia e hai nove anos que vive en Compostela, onde chegou dende as Illas Canarias. Xa non volveu marchar. Aquí casou cun galego e dende hai dous anos traballa na oficina de información de Incolsa na rúa do Vilar, onde é informadora turística. Declárase unha namorada de Galicia e proba delo é o seu perfecto dominio do galego. -¿Como unha finesa chega a traballar como informadora turística en Compostela? -É unha historia longa, cheguei a España hai quince anos e, tras un leve paso por Canarias, vin aquí, casei cun galego e xa me sinto galega. -¿Que tipo de traballo facedes aquí, en Incolsa? -Primeiro, a atención ós turistas que nos visitan, pero tamén imos a feiras e promocionamos turisticamente Santiago. -Din que este ano hai menos turistas en Santiago, ¿notádelo vós? -Home, eu non cho podo dicir exactamente, iso tes que preguntarllo ó concelleiro. O que sí che digo é que a oficina está sempre chea e nós temos moito traballo. Sen embargo, sí que se oe por aí que baixou un pouco. -¿De que lugares veñen a maioría dos visitantes de Compostela? -A maioría son europeos: franceses, alemáns e, ultimamente, tamén italianos. Do resto de España os máis veñen de Madrid, Cataluña e Valencia. -¿Algún turista se queixou da chuvia de Compostela? -Pois a verdade é que non. Hai que ter en conta que isto non é Sanxenxo e a chuvia é preciosa na zona vella de Santiago. -Algunhas anécdotas que vos ocorreran... -Sí (risas). A verdade é que temos moitas. A maioría son propias do descoñecemento da xeografía española. Algúns ata me chegaron a preguntar cómo se chegaba ás covas de Altamira, ou por rúas con nomes tan extraños, como General Sardiñas ou Gloria Argentina.