A literatura volveu á rúa

C.P. SANTIAGO

SANTIAGO

Tres libreiros recuperan a tradición de celebrar o Día do Libro no Toural, interrumpida hai doce anos O espléndido día aliouse cos tres voluntariosos libreiros que decidiron, logo de 12 anos sen que ninguén o fixera, sair á rúa no Día do Libro. As librerías Abraxas, Encontros e Pedreira montaron no Toural os seus postos e animaron ós compostelanos a mercar libros, en galego e en castelán. Os nenos, esa gran esperanza, xustifican o gasto extra, neste caso tanto se o piden coma se non.

23 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A regalía de sol que disfrutamos neste días foi a que decantou que a agrupación local decidira animar ós libreiros a sair cos libros a rúa. A decisión foi tan de última hora que só a casualidade de que o goberno municipal se reunira o luns fixo posible obter o necesario permiso para montar os tenderetes. De non ser así, nen a cultura se salva das ordenanzas municipais. Para celebrar o Día do Libro todos tiñamos opción a mercar literatura cun 10% de desconto en calquera librería. Pero que sexa o libro o que saia ó encontro do lector é máis significativo, porque como di Xesús Pedreira «crea un hábito entre a xente, que é moi importante». De feito, moitas persoas sorprendéronse ó toparse cos postos no Toural, «porque desde hai doce anos só saímos o Día das Letras, polo que nos preguntaban se o 17 de maio non íbamos estar». Pero volverán a estar, e seguramente algúns libreiros compostelanos máis dos que se animaron onte. Entre as eleccións dos compradores destacaron a última novela de Almudena Grandes, Los aires difíciles, e a obra de José Luis Sampedro El mercado y la globalización. En galego a xente mercou a novela póstuma de Carlos Casares, O sol do verán, e a que acaba de sacar Suso de Toro, Trece badaladas. En literatura infantil venderon moitos libros de Kalandraka e de A Nosa Terra.