X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT O FIADEIRO
05 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Compostela ecoa máis universal ó se facer solidaria con outros pobos, coas causas xustas. Dende hai décadas, sufrimento e martirio son sinónimos de Palestina. Dicirmos Palestina é aludir á traxedia, á dor, á opresión sobre un pobo ó que se lle nega o dereito máis elemental: o de ser, a vida. A paz arelada. Nesta Semana Santa cristiá chegáronnos novas dramáticas. Dicirmos Ramala ou Belén significa agora paixón e morte. Calvario. O presidente e líder Arafat encarna arestora a humillación e a resistencia digna, fronte á chulería de Sharon e dos seus cómplices. ¿E que están a facer os dirixentes mundiais ante esta barbarie xenocida de Oriente Medio?, ¿como comprendermos dende aquí ós mozos suicidas que enchen os seus corpos de bombas, e estoupan matando? Ten que haber moitas doses de desesperación e non só fanatismo. Que imposible se nos fai recoñecer en Sharon e o seu goberno ó Israel bíblico ou ós xudeus torturados e masacrados polos nazis. De solidariedade fálanos a páxina de Internet www.fundacionpalestina.com, que coñecemos no acto de Santiago do pasado marzo. Nela hai espacios para o foro, documentos, mapas, fotografías e áchase o libro electrónico Palestina: crónica de una injusticia, da autoría de G. Jaber Ibrahim, veciño desta cidade que tanto lle debe a un apóstolo que veu de aló, segundo a tradición xacobea. redac.santiago@lavoz.com