X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT O FIADEIRO
27 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Cinco libros de versos tinxen de expresión poética este tempo xerminal da pascua florida na terra barcalesa. No outono abrollou Un xardín no tempo, de Xosé M. López Ardeiro, con boa acollida nos lectores e na crítica. E o mesmo vate ten xa ultimada a traducción ó galego dos Veinte poemas de amor y una canción desesperada, do grande Pablo Neruda, un best-seller universal que se publicará por vez primeira na nosa lingua, cando xa se pode ler en varios idiomas do mundo. Amais o propio Ardeiro coida o froito dun colectivo de poetas mozas, quen, co mecenado de Feiraco, verán publicada a súa primeira obra en formato de libro, Cando as luces rebentan o silencio. Esta cooperativa tamén subvencionou a edición de Noesba, poemario no que Gustavo Fernández da Ponte recolle inéditos do seu pai, Xosé (1901-1989), mestre vencellado á Baña, autor de Latexos (1979). Poderemos lelo axiña. Citamos xa catro florilexios poéticos, e que se verán completados co libro que resulte gañador do I Premio de Poesía «Afonso Eanes do Cotón», de ámbito galego, co que esta Asociación Cultural celebra o seu XXV aniversario. Neste caso os apoios xorden do Concello de Negreira, 3C3 e euroGráficas. Hai 1.502,53 euros de premio, xunto coa edición da obra. En http://welcome.to/negreira poden consultarse as bases deste certame. redac.santiago@lavoz.com