Miradas á profundidade da vida

REDACCIÓN SANTIAGO

SANTIAGO

Sete novos fotógrafos galegos expoñen na Aula de Cultura unha selección de fotos con persoas maiores de protagonistas

06 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Por unha vez, a mirada sobre as persoas maiores recoñece nelas a importancia do paso do tempo, a vitalidade con que moitos teñen a sorte de chegar a unha etapa da vida na que a sabiduría do vivido pode máis que a forza da xuventude. Na Aula de Cultura da Carreira do Conde, a Obra Social de Caixa Galicia inaugurou onte a exposición Imaxes Maiores, unha selección de obras de sete fotógrafos galegos novos, saídos dos fornos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e das escolas de Artes e Oficios Artísticos Pablo Picasso (A Coruña) e Ramón Falcón (Lugo). A escolla das fotografías fíxoa o fotógrafo coruñés Vari Caramés, despois de facer un seguimento do traballo dos sete novos artistas, e mostra as diferentes miradas con que captaron o mundo dos maiores. Son obras distintas, abordadas dende diversos prantexamentos. No caso de Óscar Cela, captou a peregrinaxe por devoción, ou pode que só por superstición, da xente maior ó Monte Faro. As imaxes de Andrea Costas son tan ilustrativas coma os ditos Tempo ó tempo, Como te vexo, vinme ou Como me ves, veraste. E as de Fran Herbello recuperan os obxectos gardados na casa dos seus avós en clave surrealista. As fotos de Enrique Lista son imaxes envoltas en misterio, que agochan o falso pudor de quen mira; mentras que as de Zoraida Marqués recollen a alegría de vivir dos maiores; as de Jorge Meis a sabedoría da vellez ben entendida e as de Cristina Rodríguez a realidade duns rostros que reflexan todo canto a vida marcou neles.