A montaxe, que se estrea o 1 de marzo, é unha corpoducción coa Compañía de teatro de Braga Ibsen entra no repertorio do Centro Dramático Galego. O dramaturgo noruego que renovou o teatro moderno chegará ó publico galego con «Espectros», o texto máis coñecido da súa ampla producción teatral xunto con «A casa de bonecas». A montaxe, que está a preparar nestes momentos unha unidade de producción do CDG, está dirixida polo actor e director portugués Rui Madeira, responsable da dirección da Compañía de Teatro de Braga, coa que a compañía institucional galega coproduce esta obra.
31 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Henrik Ibsen (Skien, 1828-Oslo, 1906) escribiu Espectros en 1881, na súa etapa realista-naturista, coa intención expresa «de dar ós lectores a impresión de estaren diante dun trozo de realidade», e desligándose das opinións dos personaxes, como pretenderon atribuirlle algún críticos e que el desmentiu. Espectros é un drama sobre a opresión e a hipocresía da sociedade burguesa. Según explica Manuel Guede, director do CDG e responsable da elección desta obra para a súa representación ademáis de autor da versión galega do texto, a trama ten algo de policial, «porque personaxes e espectadores van descubrindo evidencias e enigmas que remiten inexorablemente á imaxe central do libro, ó que di a protagonista, a señora Alving: os espectros somos todos». O reparto desta producción compóñeno actores e actrices galegos, con Luisa Merelas no papel da señora Alving; Antonio Durán Morris interpretando a Osvaldo; Miguel Pernas como o reverendo Manders; Miguel López Varela encarnando a Engatrand; e Mónica García como Rexina. A participación lusa nesta coproducción, por parte da Compañía de Teatro de Braga, non se limita ó director, Rui Madeira. O equipo técnico da montaxe conta con Alberto Péssimo e Jorge Gonçalves como escenógrafos, con Nuno Meira de responsable da iluminación, e con Silvia Alves como autora dos figurinos. Espectros estréase no Salón Teatro os días 1, 2 e 3 de marzo, datas reservadas para público convidado, e continuará en cartel nesta mesma sala ata o 9 de abril, de mércores a domingos. Logo iniciará unha xira por cidades e vilas de Galicia e o Norte de Portugal.