«Moitos galegos teñen medo a perder a pensión se voltan»

JOSÉ XAVIER BOM

SANTIAGO

Manuel Domínguez, presidente da asociación de emigrantes Marusía

05 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A asociación de emigrantes galegos retornados Marusía convoca para este sábado, ás catro da tarde, no seu domicilio da rúa do Home Santo, unha reunión de socios, para abordar o problema das prestacións con que regresan, polo temor a ficar sen elas, segundo explica o presidente da entidade, Manuel Domínguez Rial. -¿Hai moitos problemas? -Hai, si. Moitos emigrantes galegos teñen medo a perder a súa pensión se voltan para aquí, detectamos varios casos por cartas que nos chegan. -¿Hai algún país onde preocupe máis este asunto? -Os casos que coñecemos son de Suíza, onde se detectan numerosas restriccións nas prestacións a ex emigrantes. Parece ser que outros países comezan a aplicar a mesma política, aínda que non temos constancia certa. -¿Ofrecen algún servicios para os afectados? -Pomos á súa disposición un servicio xurídico. Precisamente nestes días está a ser ultimado un recurso polo caso dun emigrante suízo, que ten un mes de prazo para se defender, pois está ameazado de ficar sen a metade da pensión. -¿Hai conciencia deste problema no país? -Cada vez hai mais. Nos últimos meses o PSOE e o BNG presentaron iniciativas no Congreso, para se interesaren por este problema. -¿E as administracións? -Recentemente a Embaixada de España en Suíza atendeu escritos de emigrantes galegos, preocupados por esta ameaza. -¿É este o único problema do emigrante retornado? -É o máis preocupante. Pero outros encontran obstáculos para cobrar o seguro complementario suízo; para convalidar estudios; ou mesmo para a declaración do imposto da renda, por non estaren debidamente informados.