Xosé Luís Ledo Andión, director de «Bestas», que se estrea o venres A súa traxectoria profesional está ligada ó documental. Colaborou co chileno Patricio Guzmán na obra Retratos e ven de recuperar a productora Nós, fundada polo cineasta galego Carlos Varela no ano 76 e que levaba dúas décadas inactiva.
04 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O venres presenta no Salón Teatro de Santiago Bestas, a súa derradeira obra, que recolle tódolos aspectos desta tradicional festa da rapa. -¿Por que momento pasa o documental galego? -O documental ten futuro, sobre todo en Galicia e no resto do Estado, onde non existe cultura documental. Polo xeral se confunde coa reportaxe televisiva. Hoxe en día estáse a recuperar esta tradición, con autores como Guerín, Javier Riollo ou Jaime Camino. -¿E o público? -O público responde. Moitas veces excusámonos no espectador para facer cousas malas. Co documental vóltase outra vez ós orixes do cine. A sétima arte comeza con este xénero, que conta unha historia, e ten éxito porque a conta dun xeito próximo. -¿Por que escolleu como tema a rapa das bestas? -Levaba pensando moito tempo nesa idea. Tiñamos dous ou tres proxectos, pero pareceunos mellor esta idea polo seu impacto visual. -Este é o primeiro traballo de Nós, unha productora que levaba anos inactiva. -Carlos Varela puxo en marcha esta productora no 1976. Vendo que era unha necesidade para facer este traballo, falamos coa viúva de Carlos para recuperar o proxecto. -¿Sigue co documental? -Estamos abertos a calquera producción, pero o próximo traballo tamén será un documental histórico. Trátase de recuperar un tema esquecido en Galicia do que se cumplen corenta anos, o secuestro do trasatlántico Santa María por un comando do dril.