M. BECEIRO EL CRONÓMETRO Abelardo Rábade, pianista de jazz del A.R.T. que saca nuevo disco
27 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O pianista Abelardo Rábade e o batería vigués Ramón Ángel Rey formáronse no compostelán Estudio Escola e ampliaron estudios na prestixiosa Escola de Berkley, en Boston. Ese intercambio foi moi fructífero, dando lugar, con Pacho Charlín ó contrabaixo, ó Abe Rábade Trío (A.R.T.), unha das formacións máis prestixiosas do panorama jazzístico español. Dentro de dúas semanas estará na rúa o seu disco Babel de sons, grabado en directo no festival de Getxo, e ás 11 desta noite regresan ó Dado-Dadá cun novo repertorio. -¿Por que un disco grabado en directo? -Escoitamos a grabación da actuación, pola que o xurado nos deu o segundo premio en Getxo, e vimos que merecía a pena editar un disco. O CD, Babel de sons, sae agora editado por Singra, unha casa discográfica de A Coruña impulsada por Nani García. -¿O repertorio do novo disco soará esta noite? -Ese é un dos dilemas do grupo. Somos un working group, sempre con repertorios distintos, pero procuramos facer temas dos discos. -¿O músico de jazz gusta máis de tocar ó calor dos clubes ou nos festivais? -Tocar en directo nos clubes sérvelle a un grupo para curtilo, para que madure como formación, ademais de disfrutar da música. -¿Como é posible a comunicación entre un músico en Galicia e outro en EEUU? -Ramón está un mes alá e outra aquí. O mes que estamos separados o empregamos para mellorar aspectos que cando nos xuntamos ensamblamos. Agora Paco e eu estamos pensando en irnos alí. Ramón tiña pensado fixar a residencia en Nova Iorque pero cando ía a firmar o contrato do piso non lle deron a posibilidade de alugalo por ser estranxeiro.