CALEXÓN DE ENTRERRÚAS

La Voz

SANTIAGO

CONCHA PINO MI CALLE

27 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Non podes levar o paraugas aberto se atallas a través del da rúa do Vilar á rúa Nova ou ó revés. E se vai moito calor pode cheirar máis da conta por mor dalgún desaprensivo que verteu augas menores nel. Pero é un dos rincóns de Compostela máis retratados polos turistas, sorprendidos pola estreiteza do transitado calexón de Entrerrúas. Cando ascendes dende a rúa do Vilar vas cotracorrente se a chuvia é xenerosa. E se non es paisano ou residente, a parede do pazo de Vaamonde semella que se che vén enriba, combada como está, que non vencida. Antes de chegar ó recanto entre os dous tramos deste paso correntío, a media mañá ole a caldo e guisos caseiros ben adobados por Bienvenida, a muller de Paco, o do restaurante Entrerrúas, rincón de sano comer e inesquecibles sobremesas coa axuda dun, dous e se cadra tres cafés de pota. Ó lado, A Tulla, onde para variar e pagando máis elixes menús máis sofisticados. Se funciona a terraza, o xantar amenízao a música clásica que pon de fondo ó soplete un dos últimos ferreiros da cidade, terceiro inquilino deste lugar no que o tempo ficou detido para placer dos que gostamos del. redac.santiago@lavoz.com