A RÚA DO VILAR

La Voz

SANTIAGO

CONCHA PINO MI CALLE

23 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Boto de menos a rúa do Vilar. Dende que nace ó pé da catedral ata que morre na praza do Toural é coma un río que discorre tortuoso e prácido, rexoubeiro e silencioso, con remansos de augas claras e algunha poza escura. Muda, coma un río, da mañá á tarde, dos días de festa ós de diario e do inverno ó verán. Cando vou de vagar por esta rúa deixo que o ánimo repouse en cada recanto. E nada máis entrar nela dende Praterías teño que fuxir como da tentación do escaparate de Rosa María Maside. Xa non paro como antes na xoguetería Villar, así que cruzo para falar con alguén, diante dun café, no Airas Nunes. E ó sair volvo cruzar para determe na mercería Algui e un pouco máis aló na sombrereiría, con mágoa de certo estilo para lucir un dos seus coquetos modelos. Procuro nen mirar a librería sitada entre o Casino e o Carballeira, pero entro neste último para saudar a Gumer e familia. Trato de esquivar La Mora e as súas ferradura de hoxaldre. Sigo, se cadra paro nunha das outras librerías e acaso no Suso. Xa no mar do Toural imponse saudar a Pili e Sonia antes de facer unha incursión no Azul, donde Moncho me fala de filtirés e bodoques. O encontro con esta rúa xa non é diario, pero compre volver a ela, ¡Madia leva! redac.santiago@lavoz.com