Fraguas atopa patróns

REDACCIÓN SANTIAGO

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O mundo da cultura implícase na conservación da obra do finado galeguista Os que choraron a súa morte en novembro de 1999, resucitárono onte. Antón Fraguas Fraguas xa ten patróns. Na institución que contribuíu a fundar, no Museo do Pobo, constituíuse o padroado da fundación que xestiona o legado do egrexio galeguista. Comprometeuse na tarefa unha representación plural e abondo numerosa do mundo da cultura. O acto coincide no tempo coas celebracións co gallo do vintecinco aniversario do centro etnográfico.

16 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Morreu o 5 de novembro de 1999. Pero antes deixouno escrito: quería que unha institución conservara o seu legado. Así será. Onte constituíse o padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Unha representación plural do mundo da cultura galega comprometeuse con este un dos últimos desexos do galeguista que fora profesor, etnógrafo, escritor e académico. A obra de Fraguas, que en cantidade supón un 40% dos fondos bibliográficos do Museo do Pobo, custodiarana, como patróns primeiros, Manuel Fraga e Isaac Díaz Pardo, en tanto continúen á fronte da Xunta de Galicia e do centro etnográfico, respectivamente. O xefe do Executivo autonómico referiuse onte, durante a celebración do acto, ó finado: «Foi un dignísimo e derradeiro representante dunha xeración de bos e xenerosos, entroncada coa mellor tradición do galeguismo».