O sol tira da lingua

M. CHEDA SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ / XOÁN A. SOLER

A FESTA DA PALABRA O bo tempo favorece a masiva participación dos composteláns nos actos conmemorativos do Días das Letras Galegas O sol e a calor favoreceron onte a participación masiva dos composteláns nos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas. Durante boa parte da tarde, a temperatura en Santiago non baixou dos dezanove graos centígrados, segundo datos do Instituto Nacional de Meteoroloxía. Así as cousas, milleiros de cidadáns saíron ás rúas para tomar parte nalgunha das doce citas que promoveran asociacións de veciños, empresas, agrupacións sectoriais e colectivos culturais de Santiago. A máis concorrida -3.000 persoas berrando- foi a manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística.

17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O sol tirou onte da lingua. Milleiros de composteláns convertiron a capital administrativa de Galicia no centro cultural e lúdico da comunidade. Manifestacións, concentracións, entregas de premios, discursos... A lingua é unha, pero os públicos foron diversos. Tan diversos, que os cidadáns pasaron de ver a 3.000 persoas berrando pola presencia do galego no ensino a fitar para unha trintena de mozos que mudaron os rótulos de situación que hai na praza de Galicia por outros nos que puña: «Praza de Galiza». Esta mostra de desobediencia civil promoveuna a Asamblea Popular da Comarca de Compostela, unha asociación na que militan un cento de xoves. Decláranse independentistas e contrarios ó que eles chaman nacionalismo institucional, representado na forma de facer política que ten o BNG. Arredados destas teimas, douscentos deportistas -pais, nais, fillos...- percorreron onte en bicicleta toda a cidade. A Marcha Ciclista das Letras Galegas 2001 rematou en San Domingos de Bonaval, cunha ofrenda floral perante o Panteón de Galegos Ilustres. Púxolle voz emotiva ó acto a poetisa María Lado.