Antonio Pérez Casas, cabeza da candidatura minoritaria
09 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Antonio Pérez Casas amósase moi satisfeito do proceso interno arredor da elección do novo consello local, «porque implicou e ilusionou a unha parte importante da militancia». -¿Hai disparidades de fondo? -Non hai ningunha fractura. O que hai son diferentes formas de facer, de estilo, non de política xeral do BNG. Algúns entendemos que os retos que hai que abordar precisan dunha dinamización e das persoas adecuadas para facelo. Pero, rematada a asamblea, temos un compromiso de traballo no consello local nunha dirección común. É o consenso do día despois, porque neste proceso o BNG reforzouse. -¿O resultado era o de menos? -Para nós era máis importante que o proceso se dera como se deu que o propio resultado. -¿Cales son os seus obxectivos principais para a nova etapa? -É prioritario o traballo social, nos barrios, no movemento asociativo. O BNG ten unha presencia institucional importante, pero esta non pode ser a única presencia. Non pode haber dous BNG, un nas institucións e outro desvinculado deste. E hai que recuperar o traballo na cidade, e potenciar a militancia con comisións sectoriais e de barrios. Tamén hai que mellorar a comunicación interna para chegar á militancia con máis axilidade e transparencia.