XOSÉ GARCÍA A ENTREVISTA Inmaculada López, escritora Inma é unha moza que leva o optimismo debuxado na cara e sazona sempre a súa fala cun doce sorrir. ¡Madia leva!. Publicou a súa primeira novela, «Neve en abril», gañadora do Certame Literario Nova 33, con tan só dezasete anos. Na actualidade, con 22, xa é licenciada en Filoloxía Galega, escribe crítica teatral para numerosas publicacións, e redacta a súa tese de doutoramento titulada «Mecanismos de canonización no teatro contemporáneo: a crítica». Semellante currículum a esta idade deprime a calquera.
24 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Inma cala cando se lle pregunta por Melide e loita por elexir un entre tantos recordos que a manteñen unida a estas terras. Como non podía ser menos, a xeografía melidá non só se debulla nos mapas do seu sentir; as súas primeiras liñas quixeron desenvolverse tamén nun reflexo da súa imaxinación chamado Lideme. -¿Que vencellos a unen a Melide? -Miña nai é de Melide e o meu pai de Santiso; os meus avós tamén eran de aquí, e sempre que podemos vimos. Lembro un verán, con oito anos, no que me mandaron o municipio de Melide cos meus avós para que miña nai puidese preparar unhas oposicións. Foi un verán, xunto ao meu primo Miguel, a puro monte, de plena liberdade. -¿Ten algunha influencia Melide dentro da súa obra? -Si. O Lideme da miña primeira novela é un espacio literario baseado no Melide real. Cando escribín Neve en abril quixen falar do que xa coñecía, un mundo que me chamaba a atención en positivo e negativo, que completaba a realidade e que me daba a oportunidade de contar cousas. -¿Que importancia ten a literatura na súa vida? -A literatura é a miña vida. Estudio Filoloxía, son crítica teatral e escribo.