JOSÉ XAVIER BOM A ENTREVISTA Iolanda Gomis, dirixente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega en Santiago A Asociación Socio-Pedagóxica Galega incrementou este ano a sua presencia na cidade, coa promoción de actividades extraescolares no colexio López Ferreiro; a coorganización de Correlingua; e a reedicción, nos próximos días, de dous eventos que congregarán en Santiago a centos de docentes e alumnado: as Xornadas de Lingua e Literatura e a fase final de «Tíralle da lingua». Iolanda Gomis, dirixente desta entidade en Compostela, salienta a boa receptividade que teñen entre comunidades escolares e institucións.
19 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Desde hai uns meses esta asociación conta tamén con local na cidade. Buscan «gañar en presencia, con novos convenios coas asociacións de nais e pais e con outras entidades», indica Iolanda Gomis. -¿Que receptividade teñen as visitas de escolares galegos a Compostela? -De sempre organizamos xornadas para docentes, actividades de renovación pedagóxica, e editamos materiais didácticos. Hai tres anos comezamos con propostas socioeducativas orientadas para os centros de ensino, e entre elas teñen especial relevo as visitas de escolares galegos a Compostela... -¿En que consisten? -En aproveitar os recursos da cidade, que é un tesouro didáctico. Ensinamos a zona monumental, para que coñezan a historia da praza de Cervantes, que antes foi praza do Campo; o motivo de que a rua Nova se chame asi, ou aspectos da nosa historia medieval, poñamos por caso. Estas informacións moitas veces son novidosas mesmo para escolares de Santiago. E colaboramos co Museo do Pobo Galego, co Centro Galego de Arte Contemporánea, coa Fundación Granell, co Salón Teatro para mostrar como é un teatro por dentro... -¿Non hai posibilidades máis lúdicas? -Si que as hai. Por exemplo, organizamos visitas pola comarca de Barbanza e outros lugares dos arredores, xogos no parque de Bonaval, ou ensinamos como é o mercado. As actividades contan sempre con monitores especializados. -A próxima semana promoven «Tíralle da lingua», ¿que expectativas teñen? -Este ano a novidade é que se dedicaron as actividades nos centros a contar contos, co fin de promover o uso do galego oral, pois observamos que se perde a fala de forma alarmante entre os máis novos. O próximo dia 27 será a final no Teatro Principal, e virán á cidade as mellores propostas dos colexios do país. Vamos aproveitar a ocasión para que ese alumnado coñeza ben a cidade, con roteiros en condicións.