M. BECEIRO A ENTREVISTA Celso Parada, intérprete de «Próspero», o protagonista de «A cacatúa verde» Non sabemos se Eduardo Alonso se acordou de Celso Parada cando sentiu atronar a irónica voz do atípico taberneiro «Próspero» contra a decadente nobreza da Francia pre-revolucionaria retratada por Schnitzler en «A cacatúa verde», ou se pensou no actor galego ó velo servindo copas no café-teatro que rexentaba en Cangas. Do que non cabe duda é que o papel da nova obra que o CDG representa no Salón Teatro é feito a medida para este magnífico actor galego, mestre na interpretación de personaxes traxicómicos.
29 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Quen mellor, pois, que Celso Parada para aldraxar a esa clientela que quere escapar a base de efluvios etílicos da revolta inminente que os arroxará ó caldeiro da historia. E quen mellor que el, que máis dunha vez tamén intentou arroxar a algún impertinente cliente do seu café-teatro. -¿Cal é a mellor definición do taberneiro Próspero? -É un personaxe ata certo punto inquedante, xa que non se sabe moi ben se é un revolucionario auténtico, aínda que ó final se descubre que se apunta á revolución. Pero é sobretodo un mestre de cerimonias que vai conducindo toda a acción. Eu coido que o autor utilízao para eso. E, dalgún xeito, estálle anunciando ós personaxes que fóra hai un tempo histórico que é o tempo da revolución que entra polas rendixas das fiestras. -¿Qué aspectos destaca máis do texto de Schnitzler? -A min o texto gustoume xa dende o primeiro momento, e estou contento de estar traballando neste personaxe e nesta obra. Unha das cousas que máis me gusta e esa proposta de traxicomedia que xa está aí. Traxicomedia digo porque eses personaxes, esa nobreza decadente, incapaz de asumir a súa realidade, son unha serie de personaxes quixotescos que non ven a realidade.