JOSÉ XAVIER BOM A ENTREVISTA Francisco Pillado, director da editora Laiovento A editora Laiovento celebra nesta primavera a primeira década de existencia. Esta empresa, creada en Santiago por seis socios, chegou a 180 títulos, cifra que triplica as previsións con que partiran. O seu director, Francisco Pillado Mayor, afirma que sempre os guiou «o intento de axudar a construir o país» e iso fixo que asumisen posicións de vanguarda que supuxeron enfrentar problemas como a publicación de textos en galego científico, pola falta de tradición. No futuro seguirán a primar ensaio, teatro e traducións.
28 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Con Francisco Pillado promoven a editora o libreiro Xesús Couceiro, o impresor Manuel González, o diseñador gráfico Pepe Carreiro, o empresario Afonso Ribas e o político Xosé Manuel Beiras. -Valoran como exitosa esta década, ¿a que se debe? -A varios factores, como o desinterese económico dos seis socios, que non cobramos polo noso traballo, ou o ter enveredado por unha liña editorial pouco trillada no país. -¿Que caracterizou esa liña editorial? -Procuramos non reproducir esquemas de outros. Asi, decidimos non abrir coleccións e buscamos un signo distintivo no formato único. Tamén traballamos para que, entre a oferta existente, se identifiquen os nosos libros. E non só fisicamente, senon que se teña expectativa de garantía de calidade ao ver Laiovento. Ademais, apostamos por volumes que outras editoras non terían publicado. -¿Que criterios valoran, pois, para publicar un libro? -Permitimos o luxo de exercer a liberdade. Só esiximos que o traballo que se nos oferte teña interese para contribuir a normalizar a cultura do país. Na literatura pedimos unha mínima calidade estética, e rigor científico na investigación e nas traduccións.