XOSÉ MARÍA PALMEIRO ALDEA ÚNICA
13 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Quería ter escrito algo nestes días sobre a editorial Galaxia que está celebrar neste ano os seus primeiros cincuenta, pero non puido ser. Hoxe, mentras os laceiros seguen azuzando ós cans da guerra no Oriente Medio e a cidade imprime nas rúas a actividade necesaria para fecha-la semana entre un festivo e un sábado, teño ocasión de me referir a un libro epistolar. Unha escolma das cartas que, entre 1948 e 1970, o xa desaparecido Ramón Piñeiro dirixíu a Francisco Fernández del Riego, felizmente presidente da Real Academia Galega. Trátase de dous dos homes decisivos na posta en marcha do proxecto Galaxia. Houbo outros, por suposto, e deso deu testemuña nestes días o acto de homenaxe celebrado en San Domingos de Bonaval. De Ramón Piñeiro di Fernández del Riego: «Coñecémonos persoalmente a pouco de se encetar os anos trinta. De primeiras, as nosas relacións desenvolvéronse na militancia das Mocedades Galeguistas. Tempos despois, cando rematara a Guerra Civil, comezamos unha actividade que había ser constante ao longo das nosas vidas: a de laborar por Galicia, pola súa cultura, pola súa lingua, axudando a crear novos órganos de opinión». Este libro, Un epistolario de Ramón Piñeiro, permite un percorrido polos anos oscuros dun galeguismo na clandestinidade que foi quen de materializar proxectos ó servicio do país. Como o de Galaxia, que celebramos ó tempo que honramos tanto xeneroso e intelixente esforzo.