Gústame tocar o piano. Poderíame gustar tocar o acordeón ou a frauta, ou calquera outro instrumento, coma o tambor ou o triángulo, pero non. Gústame tocar o piano porque me fai sentir.
As suaves tegras do piano lémbranme as pequenas gotas de chuvia que caen contra o meu tellado, mollando o patio do San Jorge ou a herba de Bonaval. Chove miudiño na Quintana! Ata que a música se pon intensa e parece que Santiago vai quedar anegado pola auga, coma un Titanic de pedra, coma se as nubes fixeran unha fenda e descargaran toda a súa furia sobre nós.
Unhas poucas notas da Primavera de Vivaldi fanme pensar neses pequenos grupos de rapaces que fan o Camiño ata acadar a Praza do Obradoiro. Todos ledos e felices. Canta xente ven a Compostela! Debe de ser porque temos a Catedral ou, non sei, será só por moda. Aínda que tan só unha soa nota do Inverno de Vivaldi dálle a volta a todo: moreas e moreas de turistas ateigan o que sería o noso lugar de paz, onde podemos quedar cos amigos. Alí sempre atopas a alguén e acabas tomando un café nalgún sitio da Zona Vella.
E cando me preguntan se escoitei a canción de Adele, Set fire to the rain, véxome de novo na miña cadeira e tan só unha nota da canción sitúame na queima do Meco, ou nas fogueiras de San Xoán, onde toda a xente ri e chora, afastando as cousas malas de todo o ano, sentíndonos libres por un momento na nosa vida.
Para algúns, Praterías, a Alameda ou Porta Faxeira son simplemente lugares de Santiago. Pero para min, a través de música vexo cousas que se agochan dentro do corazón de Compostela, onde só eu e a música podemos atopar ese oco que leva mais alá: un lugar onde a música fai sentir.