aMarte

Carmen Piñeiro

RELATOS DE VERÁN

04 ago 2025 . Actualizado a las 14:11 h.

Conta a lenda que as persoas que están destinadas a atoparse están unidas por un fío vermello; un fío invisible que por moito que se estire, tense ou enrede xamais chega a romper. É curiosa a maneira na que unha persoa pode aparecer na túa vida, non cres? Recordo a primeira vez que falamos naquela praza e a túa maneira de escoitarme mentres que, sixilosamente, capturaba cada sorriso que me adicabas. Recordo tamén cando por casualidade, ou causalidade, te volvín ver. Se che digo a verdade daquela non me asustaban os teus ollos verde selva, se cadra porque non sabía da súa profundidade… ou talvez porque, por curiosidade, quería coñecer o animal que se escondía dentro deles. Quizais ti non o sintas así, porque és de Marte. Quizais eu si, porque son da Terra. Aquí, neste lugar, o vermello asusta; o inferno, o lume, o sangue… todos eles son da cor que leva o teu nome por bandeira, por iso preferimos mirar con lentes verdes a realidade, esa cor tan fermosa que tamén tingue os teus ollos. Incrible, ¿non?, que me mires coa cor da esperanza a cada paso que dou e con cada cousa que fago, como se nada malo puidese ocorrer porque estás ti mirando. Porque prevalece o verde, aínda que sexas de Marte —como se entre susurros quixeses dicir que tamén a paixón e o amor son da mesma cor—. Mírote. Estás aquí. Agora si me asustan os teus ollos. Tórnanse escuros e non consigo descifralos. Asústame o animal que me mira dende dentro deles e que, con berros mudos, grita. Pero achégome. Podo sentir o teu calor. Podo sentir tamén como o pulso se me acelera mentres a miña man che acariña, mentres respiro o teu aire, mentres a túa mirada chama o salvaxe que eu tamén levo dentro… e xogo. Xogo co teu cabelo e bícote. Bícote forte, tan forte como berraban os teus ollos hai un intre. E abrázote. Abrázote como se fose a última vez, porque non sei cando volverás a Marte. E déixome sentir. Porque sentir é arte: é da Terra, é de Marte. Sentir que o único que me asusta neste intre é un sen ti. Como se non fose da Terra. Porque o sentir na Terra asusta. Igual que asusta en Marte. Igual que asusta aMarte.