Recórdome nalgún momento de non sei cando. Recórdome nalgún lugar de non sei onde. Recórdome nalgún momento e nalgún lugar sendo capaz de escoitar o silencio. Recórdome a min mesmo sendo consciente de min mesmo. Sen nada nin ninguén que supuxera un contratempo nese preciso instante no que o instante se facía preciso. Recórdome ausente de min mesmo e sen botar nada nin a ninguén de menos. Recórdome procurarte nalgún libro ou nalgunha película na que ti e eu eramos os protagonistas principais. Recórdome nese apagar a luz agardando que a nosa historia cobrara vida a través dese feixe de luz que se proxectaba sobre a pantalla en branco. Recórdome nese arrecendo que cada paso de páxina me ofrecía cando as palabras se ofrecían libres e capaces de levarme a ese recuncho de min mesmo e ao que poucas veces me atrevía a asomar. Recórdome de tantas e tantas cousas que o recordo semella ser máis un recordo que a certeza do que aconteceu. Se acaso algunha vez aconteceu. Recordo e recórdome na ansia de descubrir. Aínda que o mesmo descubrimento me atropelara e levara por diante. Recordo abrir o agasallo máis fermoso do mundo e nel estar ti. Como tamén recordo cando alguén chegou para dicirme que ese agasallo tan fermoso fora entregado nunha dirección errada. Na miña. Que pedían desculpas. Pero que o agasallo non era para min e tiña que ser devolto para ser levado ao lugar e á persoa que lle correspondía. Recordo o desencanto dese momento. Recórdome nese desencanto. E nese momento. Recórdome. Tristemente. Recórdome.
Manuel Iglesias Nanín. 52 anos. Ourense.