O bicho

Nones Araújo

AL SOL

23 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén quería saber dela. Muller sen parentes e sen home nin fillos non lles parecía persoa que merecese respecto. Non tiña nada que perder e aceptou a man tendida do futuro tramposo que a chamaba dende lonxe con rostro amable. Seica hai unha luz engaiolante que te agasalla no intre de morrer. Deixouse enganar, cándida moza que devecía por durmir no eterno sono. Deulle por pensar que aqueles calores, aquela falta de osixeno, aquel algo que a descompuña a liberaría do presente miserable que a estaba a consumir.

Foi na cadea da fábrica, na quenda de noite, por mor dun gromo estraño, onde o bicho a atrapou desleixada. Mentira é que tivese fogar e dozura nos beizos e ledicia na mocidade. A nenez xa a deixara orfa antes de nacer no leito destetado. A vida non lle regalara nada.

Unha insociable, sentenciaban as compañeiras á hora de tomar a parva, pois coñecían o seu pasado de abandono. No traballo considerábana unha indiferente, unha ninguén, unha rara que non encaixaba no grupo de operarias que traballaban canda ela.

Ao bicho tanto lle tiña a súa soidade; o andazo non miraba orixes nin mostraba interese ningún por vítimas con familia. O bicho, de natureza invisible, furáballe as entrañas con fendas visibles no corpo ; e na alma, sen sensibilidade ningunha.

Descerebrado e con acreditada afouteza, ía restándolle vida segundo minguaba a Lúa. O plan fulminante que o bicho espallara polo mundo acreditaba a malignidade da pandemia. Os sanitarios eran sabedores da gravidade dos feitos, e a loita por vencelo era imparable. Todos a unha buscaban un remedio.

Organizaban coidados, decidían as medidas máis acaídas e investigaban as vacinas que nos salvarían. Mentres ela andaba feble, o bicho engordaba. A canseira tumbouna de vez, a dor de gorxa quitoulle a fala, a febre alta deulle espasmos...

Ao fin, caeu submisa ante o derradeiro sono. O bicho, ruín e sen piedade, considerouse gañador.

Nones Araújo. Maestra. 68 anos. Vigo.