Un irrecoñecible son achegábase pouco a pouco sen amainar en ningún momento ao centro da cidade. Igual que unha inmensa nube negra de treboada, a escuridade producida polas sombras dos avións, asolagou todas as rúas e vivendas creando unha permanente noite de cinzas que non acabaría ata que estoupou a primeira bomba.
De súpeto, unha cegadora luz, o tremor da terra e un interminable asubío que parecía ruxir ante tanto desorde e que permanecía dentro, moi dentro dos oídos de quen o escoitaba, rompeu coa tranquilidade que desde sempre se vivira na cidade. Comezou entón unha frenética carreira na que o vencedor non gañaría medalla algunha senón que, quizais, sería quen de fuxir dunha horrible guerra que xa se albiscaba desde hai días.
Todos corrían entre unha multitude que non sabía moi ben como reaccionar ante tal desastre, todos agás unha soa persoa.
O coronel permanecía inmóbil rodeado pola xente que o único que pretendía era salvar a súa vida, mais el, despois de tantos anos loitando no fronte, non quería, ou máis ben non podería soportar outra vez vivir unha guerra que destruíse todo aquilo que el chamaba fogar.
Ao mesmo tempo que estes pensamentos pasaban pola súa mente, nunha vella radio de man que probablemente pertencía a un dos cidadáns que só se preocupaban por escapar sen saber a onde, soaba unha melodía que lle resultaba familiar ao coronel.
Comezou a cantala, baixiño e entre dentes, coma se as palabras pesasen ao saír da súa boca e entón, un silencio eterno substituíu a todo o demais.
María Calvar Giráldez. Estudante. 16 anos. Pontevedra.