Despois de case quince minutos de atraso, nos cales a súa inquedanza non fixo máis que aumentar; o tren por fin chegou á estación e o rapaz puido baixar á plataforma, co corazón baténdolle a mil. Non é que despois de dous anos non se acostumara a esas viaxes pero o momento do reencontro sempre o enchía de nerviosismo. Deulle ao vehículo unha última mirada nostálxica e comezou a andar cara a saída da estación cun pequeno sorriso nos beizos.
Esta sería a última vez que necesitarían dun traxecto en tren para verse. Durante os últimos dous anos, tivera a oportunidade de probar de primeira man as complicacións dunha relación a distancia.
Fora un período difícil, marcado polas inseguridades do comezo, a sensación de illamento que provocaba a separación e moreas de medos. Agora tiñan por diante unha nova etapa. Unha na que por fin estudarían na mesma cidade e a distancia deixaría de ser un problema. Estaba seguro de que a pesar diso aínda terían moitos retos que afrontar, pero estaba disposto a intentalo. Desde logo, aínda non estaba preparado para desprenderse da persoa de ollos azuis que o esperaba na saída da estación cos brazos estendidos. Sorriu de novo para si e deu os últimos pasos que os separaban.
O mellor estaba por chegar, ou iso dicían.
Diego López Gómez. Estudante. 20 anos. A Coruña.