Historias

Rosa María Roca Sánchez

AL SOL

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma moitas outras veces, ían os tres na ambulancia despotricando. Eladino, o técnico e condutor, que era o maior dos tres, dicía que cando el era rapaz seus pais non lle andaban con trangalladas. Rosa, a enfermeira, que tiña dúas nenas, Lupe e Lía, dicía que ás súas as tiña «atadas en curto» sen permitirlles faltas de respecto nin desaires. Tamara, a médico, que era a mais xove dos tres e non tiña fillos, dicía que as nais e os pais de hoxe en día eran uns inconscientes sen idea da crianza.

Ós tres lles molestaba especialmente ter que deixar o PAC sen persoal por ter que atender cousas coma esta. Un aviso por uns nenos subidos ó campanario da igrexa de Ponte Ledesma que ninguén conseguía facer baixar.

Eran uns xemelgos de sete anos e súa prima de nove. O irmán dos xemelgos mais a irmán maior da nena contáranlles que na pedra con forma de cilindro do campanario, obra do relevante arquitecto barroco santiagués Simón Rodríguez, se agochaba unha caixa con moedas de ouro.

Faltaban poucos días para as festas patronais nas que sempre poñían o seu posto os churreiros de Camporrapado. Os xemelgos mais a prima, que eran tres lambonciños, decidiran subir ó campanario a ver se eran quen de topar as moedas de ouro para comprar todos os churros de chocolate.

«Ter que deixar o PAC por isto. Se chegan a ser as miñas mátoas», dicía Rosa. En canto Eladino aparcou detrás da igrexa e baixaron, xa viron que estaba alí case media aldea tentando convencer ós nenos de que baixasen. Incluso os veciños máis próximos trouxeran mantas da casa e dispuxéranse con elas estendidas por se algún do pequenos caía.

Un dos membros de Protección Civil achegouse a falar con Tamara e Rosa e, xusto cando remataba de explicarlles a situación, apareceu Eladino, que trataba entre risas de consolar a Lupe, a filla maior de Rosa que choraba desconsolada.

Aguantando a duras penas as gargalladas, díxolle á súa compañeira:

-Rosiña, guapa, vaite sacando a escopeta que a esta suxéitocha eu. O problema valo ter para atiñarlle a Lía mais ós teus sobriños que non paran de dar voltas arredor do cilindro de pedra na cima do campanario.

Rosa María Roca Sánchez. Traballadora Social. 45 anos. Ames.