O castelo de Ponte Ledesma

Lupe Roca Rodríguez

AL SOL

24 ago 2020 . Actualizado a las 13:36 h.

A pequena Lupe corría monte abaixo tan rápido que Manolo de Mónica, que andaba coas vacas no prado do castro, non soubo se a que pasara correndo era a filla de Rosa ou un pequeno tornado con roupa e pelo. A pícara notaba o corazón bater tan forte no peito que houbo un intre no que se plantexou se podería chegar a facer un burato e saírlle disparado, pero enseguida desbotou ese pensamento pois era tan grande a ledicia que sentía que non deixaba cabida a nada máis na súa mente.

Cando enfilou a recta da agriña xa divisou ó avó na eira podando as maceiras. Eran incontables as veces que o avó Pepe lle tiña contado a historia do castelo de Ponte Ledesma que mandara destruír o arcebispo Berenguel de Landoria. Lupe nunca se cansaba de escoitala, especialmente cando o avó, arromedando ó arcebispo, dicía: «Non quero que deste castelo quede pedra sobre pedra». Lupe mais o avó tiñan ido moitas veces ó monte da Pena Anduriña na procura dos restos do castelo. Moitos veciños ríanse deles e incluso algún lle chamaba tolo ó vello Pepe e dicía que lle enchía a cabeza de trangalladas á nena, pero a eles dáballes igual, pois aínda que nunca topaban nada desfrutaban da compañía mutua.

Hoxe, sen embargo, fora só ela, pois o avó quería podar as árbores froiteiras porque «era a lúa axeitada». Aínda que non era habitual que fora sen o avó, desta volta a cousa era distinta. A noite anterior houbera un pequeno tremor de terra apenas perceptible pero que a nena interpretou coma un sinal. Efectivamente, as súas sospeitas víranse confirmadas. Cando chegou xunto ó avó, entre a emoción e o esforzo da carreira, non foi capaz de articular palabra e o único que puido facer foi ensinarlle a foto que tiña no teléfono na que se vía unha gran pedra na que destacaba o escudo de armas do castelo de Berardo Sánchez García de Ledesma mandado destruír por Berenguel de Landoria no século XIV. Foi tal a sorpresa do avó que so acertou a dicir cun fío de voz: «Neniña, temos que chamar a Patrimonio». Esbozou un enorme sorriso e díxolle, coa súa voz forte e firme de sempre: «E despois de chamar imos dereitiños ó bar e a ver quen se ri agora de nós».

Lupe Roca Rodríguez. Estudante. 11 anos. Ames.