A cama


Observábao detidamente. Estaba de costas a ela. Dende ese lugar privilexiado no que se atopaba podía ver cada detalle del, todos os seus lunares e cicatrices. Apreciaba aquela quietude do amencer coma ningunha outra do resto do día. Nese momento, el semellaba fráxil e indefenso e ela podía miralo a pracer, deleitarse con cada recuncho do seu copo espido, sen xulgalo nunca. Ás veces volvía durmir só escoitando o son da súa respiración. Envolvíao nos seus brazos, notando a calor do seu corpo contra o dela, e sentíase segura e tranquila. Durante aquela corentena aprendera aínda máis a valorar eses pequenos momentos de luz no medio da escuridade na que estaba sumido todo o demais. Eran o seu refuxio e o seu mellor aliado nas noites de insomnio ou nos días de bágoas e incerteza. Ela, que sempre quixera recorrer o mundo, sentíase agora máis na casa ca nunca naquela cama compartida dende a que todo o demais era superfluo.

Non sabía que podía agardar do futuro, non se sentía confiada de que aquel soño fose durar tanto como lle gustaría, pero sabía certamente que o mundo cambiara un pouco para ela dende que o coñecera. Soa a tópico, coma unha frase desas película cursis para ver un domingo chuvioso, pero o certo é que amar e sentirse correspondido é unha sensación tan embriagadora que che nubra a vista e te deixa vivindo nun estado de coma constante no que a máquina que te mantén vivo é tamén a que pode matarte. Os namorados viven pendurados dun fío, como marionetas movidas pola man caprichosa daqueles aos que aman. Así estaba ela, naquel cuarto escuro, só iluminado pola tenue luz que entraba pola persiana entreaberta. Pensou en todas as persoas que pasaran pola súa vida, diversas todas elas. Pensou que pasara por momentos bos e malos, que se transformara e crecera moito grazas a cada unha desas experiencias.

Así que véndose nesa cama, rodeada de incertezas, sabía que, aínda que a maxia se acabara, pagaba a pena correr o risco do desamor, desa morte prematura, para vivir aínda que fose só un minuto máis ao seu carón.

Andrea Quintáns Rey. Filóloga. 25 anos. A Baña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A cama