Bicos encubertos

Sara Maine Badri

AL SOL

19 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca antes me lembrara dunha tempada tan peculiar e confusa como a que está sendo os últimos meses, somerxida nun mar de emocións alteradas e soños pendentes á espera de ser redirixidos. O prezo da nosa liberdade aínda se atopaba en fase incerta e adoptar unhas medidas ao pé da letra era a nosa única esperanza de mantela con pulso.

Mentres tanto, as praias, rúas e supermercados estaban cheos de xente adoptando novas formas de comunicación, novas formas de facer vida. O relucir nos ollos do outro constituía todo un código de mensaxes que desafiaba o movemento dos labios para articular palabras xunto con todos eses bicos acumulados que se atopaban velados baixo unha máscara.

Decateime de que fixo falta unha pandemia mundial para volver a facer eye contact e dicirnos aos ollos todo aquilo que gardábamos para futuras ocasións, para un mañá aínda sen asegurar. Ao mellor é certo que precisamos máis mostras de amor e respecto para facer desta fraxilidade da vida un terreo máis firme. E canto máis me fixaba nos ollos alleos máis comprendía a verdadeira esencia humana, esencia que habíamos de recuperar.

Entre as infinitas miradas coas que coincidía, as miñas favoritas eran as que sorrían cos ollos aínda sabendo que o seu sorriso non pode ser visto se non se fai co corazón. Resultábame máxico o poder que esta vez tiña o noso corpo sobre as nosas palabras. Xestos, sinais, miradas… Será certo entón que as palabras lévaas o vento? Eu só teño a certeza de que unha nova forma de comunicar estaba a florecer e que fermosa pegada ía a deixar en nós despois de que todo isto quedase no recordo.

Sara Maine Badri. Estudante. 23 anos. A Coruña.