Historias de mafiosos

Isaac Vázquez Barro

AL SOL

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño tres lembranzas del, pero pode ser que algunha sexa falsa. Cando dúas persoas se queren tanto custa discernir entre que é realidade e que é un desexo.

O primeiro é sobre o día que o coñecín. Era unha festa de disfraces, ambientación anos vinte. Convenceranme as miñas amigas, aínda non sei como. Todas elas de charlestón, como non, e eu, que sempre aborrecín seguir a masa. Pinteime un bigote, agarrei un sombreiro de meu avó e interpretei o papel dun mafioso toda a noite. Aínda con aquela guisa, el achegóuseme de inmediato, levaba un vestido de lentexoulas vermellas, maquillaxe barata posta de maneira chapuceira, e unha perruca loura que destacaba a súa barba negra.

-Dende logo que un home coma vostede non desfrute desta festa é unha pena.

-Neniña, ti sabes con quen estás a falar? -quería saber ata onde chegaría co xogo.

-Por suposto -e murmuroume-: Envíame o irlandés, teño un cargamento esperando na calexa.

Seguimos inventado historias de mafiosos durante toda a noite, non nos demos nin un bico, pero nunca me rira tanto. Se este recordo é de verdade, aí sen dubida foi cando me namorei del.

No segundo recordo, el está medio espido no noso sofá lendo un libro, a escasa luz que se coa pola fiestra debúxalle unha raia no peito. A habitación cheira a café e nos estamos a piques de ter sexo. Recordo excitarme mirándoo. El levanta a mirada do libro e arquea unha cella.

-Outra vez?

-Outra vez! -e lánzome enriba do seu corpo, intentando saborear esa raia de luz.

Do terceiro recordo, a pesar de ser o máis próximo, é do que máis dubido. Nel a súa barba está trufada de canas. Os dous estamos a chorar por que un dos dous está enfermo, pero non recordo quen. Si recordo abrazarnos ata que deixamos de chorar. Levounos un bo anaco. E xa está, non recordo máis del. Todos os días pregunto por el, pero ninguén me contesta. Un home de barba branca vén todos os días a contarme historias de mafiosos. Entón recórdoo, e pregúntolle se coñece o meu amor. Pero fai tempo que deixei de preguntarlle, porque cando o fago el bota a chorar. E non sei porque, pero non quero que esté triste.

Isaac Vázquez Barro. Administrativo. 32 años. Madrid.