Desigual(dade)

Nee Barros Fernández RELATO

AL SOL

25 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Si, seino. Seino porque tampouco é algo que pase inadvertido, e é un pouco difícil non darte de conta da túa propia existencia: decatarte tarde ou cedo do que realmente es, aínda que iso que sexas resulte ser un calcetín vermello. Esas cousas rematan por saír á luz, é inevitábel. Chega un día no que, farto de ver aos demais tan brancos, acabas por reparar na túa propia cor e, malia non ter visto ningún outro coma ti antes, tes escoitado algunha que outra historia e todo comeza a encaixar. Tés que aceptalo: es de cor, non tes parella... E aínda por riba andas todo suado, porque cando alguén te emprega e repara no feito de que non combinas, acaba por desfacerse de ti sen nin tan sequera tomarse as molestias de botarte á lavadora. Para que, se total non vai volver empregarte? Sería unha vergoña ir desconxuntado, diferente, fóra do normal.

Quita, quita! Mellor non saias do rego! Pero eu xa creei unha especie de barreira ante estas situacións, unha de peluxe que acumulo despois de cada uso, aínda que as prendas de roupa tamén temos os nosos sentimentos e ás veces esta non sexa suficiente. Este calcetín vermello estará un pouco desfeito, pero iso non lle quita as ganas de chorar. Ás veces pensa en se as cousas cambiarían moito no caso de que decidise saír do armario.

Nee Barros Fernández, estudante, 16 anos, Marín.