No noso aniversario prepareime para agasallar ao meu compañeiro.
Pola mañá percorrín as tendas gourmet para atopar o mellor albariño para a cea, fixen unha exfoliación completa, estiven a cociñar os percebes, solombo con ensalada de cóengos e amorodos, e, polo serán, o peiteado e a maquillaxe.
Euloxio e mais eu construímos un mundo onde as regras eran infinitas e non existía ninguén fóra do entorno, aínda o vocabulario acababa por ser pobre, nunca empregabamos os termos petado, alucinar, flipar, birra, rallar, molar.
Á hora do xantar Euloxio xa non veu e á cea tampouco. Ten traballo, disque.
Que mágoa!
Ao primeiro, a relación era tan fonda que podía desaparecer debaixo dela, agocharme, protexerme do mundo enteiro, fixemos de nós a nosa cidade preferida.
El esqueceu o aniversario, eu pouco a pouco, todas as regras: as amizades comúns, as aburridas sobremesas, os verbos en pretérito, as palabras que nos abrigaban do frío. Eu son da xeración á que lle ensinaron a esperar, pero algúns infinitos son máis grandes ca outros. Necesitaba usar a imaxinación, tiña tantas cousas que non precisaba, os mobles de deseño, o orgullo, o silencio un lugar ao que fuxir, unha mentira que crerme e un tren para coller. Euloxio foise coa secretaria, agora non me fago cargo doutra mente, doutro corpo, doutras ambicións, doutras dores, doutras queixas. Agora fágome cargo de min mesma, non amaso o pan cada mañá, pero mércoo e, sobre todo, teño o meu propio horario.
Hoxe á tardiña, teño clase de escrita e logo sombreirería.
Dolores Sánchez Leira, mestra xubilada, 66 anos, Santiago de Compostela.