Cando as forzas comezaron a minguar, o apetito a escasear e os folgos a faltar, o avó enmudecido sentiu que as ansias de vivir esvaecíanse e soubo que ese ía ser o irrevogable, o seu derradeiro verán. Pediu entón visitar, como unha obrigada despedida, a leira dos seus recordos, a leira dos seus soños, a leira compañeira da súa vida: «Fontecarballo». Desde que era ben pequeno coñeceuna e non fixo falla presentación algunha para saber que unha maxia especial (esa da que presumimos os galegos), un feitizo encantado, acontecía.
Nos tempos da infancia acudía cada tardiña co gando, brincando entre as carballeiras, xogando a atopar niños de paxaros, tombándose para facer a chimpacarneira na herba amantiña, saciando a súa sede coa auga fresca da pequena fonte ou estoupando estraloques ata presenciar o solpor do día.
Nos tempos da mocidade era refuxio de amoríos, lugar de encontro, agocho onde argallar trasnadas, fortaleza gardiá de segredos inconfesábeis, recuncho de desafogo por decepcións sufridas, miradoiro de distracción despois de xornadas de traballo intensivas, punto de luz para comezar, continuar ou rematar o día. Nos tempos da madurez era sustento da casa, terreo de labores, eirado de hortalizas e patacas, a carón do manancial revitalizador ao que os animais tamén recorrían. Tarefa cotiá feita con habilidade e dedicación, sen présa pero sen pausa, descanso merecido para almorzar ao pé da centenaria carballa, xuntanza da veciñanza para recolleita sinalada polo paso das estacións vencidas.
Nos tempos da vellez, remanso de paz, entretemento da vista, sitio de lembranzas, intres de sosego e tranquilidade paseando entre a natureza en completa harmonía. E hoxe, benquerido avó, a túa leira é enclave do meu fogar, xardín dos desexos, búnker das penas, láudano das feridas, recreo apracible de enredos e risas. Afortunada eu, por ser a destinataria elixida para recoller o legado da túa maxia. Esa maxia especial que xa mencionei e da que quero deixar constancia que aínda habita. Desde que ti nos deixaches, síntoa en min como a leira compañeira da miña vida.
Sonia Nogueiras Santana, mestra, 48 anos, Vilar de Santos.