Estaba totalmente ensumido na lectura, cando se decatou de que a auga lle chegaba xa aos nocellos. A cadeira afundiuse uns centímetros na area e xa non quedaba ninguén ao seu redor.
Eran case as sete da tarde en pleno mes de xuño. Aínda tería luz suficiente para acabar o libro así que continuou inmerso naquelas páxinas.
A auga pasou por riba dos seus xeonllos e preto das oito da tarde chegara ao seu embigo. Aquilo non lle causou ningunha molestia, senón máis ben todo o contrario, ao poder aliviar a súa colmada vexiga.
Preto xa das nove tivo que levantar ámbolos dous brazos para suxeitar o libro, tapando unha lúa minguante que empezaba a facerse visible mentres avanzaba o solpor. A tenue luz dos farois do paseo iluminaba as últimas frases, o esperado desenlace.
Unha onda bateulle na cara pero non puido parar. Aquela trama deixárao ancorado e non podía facer outra cousa mais que seguir; seguir ata chegar ao final. Só os seus ollos estaban fora da auga cando chegou ao epílogo. E por fin, ao rematar, o seu corpo quedou inerte flotando a mercé da marea.
Amence o día seguinte. Unha muller pasea pola beira buscando un sitio no que sentar. Os seus pés tropezan con algo entre as cunchas; parece o lombo dun libro. Agáchase con curiosidade e le o suxestivo título. Cólleo.
Está asombrosamente ben conservado. Decide abrir a súa cadeira nese mesmo lugar, un par de metros máis arriba. Acomódase e inicia a lectura daquela novela cuxo prólogo advirte: Estimado lector, nunca subestimes o poder dun libro.
A muller prepárase pois para comezar, respira fondo, e pasa ao primeiro capítulo.
Raquel Mateos Cortés, enxeñeira, 52 anos, Vigo.