Castañas e viño

J. Antonio Giao Caramés RELATO

RELATOS DE VERÁN

Doce de outubro, día do Pilar, domingo. O día está de outono, con moita choiva e algo de frío.

Despois de comer tírome no sofá, tápome cunha manta, e póñome a ler. O día non vale para outra cousa.

Alá ben entrada a tarde, o señor Xosé, un veciño de avanzada idade co que teño moi boa relación, chamoume para que fose ata a súa casa. Malditas as ganas que tiña de moverme do sofá, pero ó señor Xosé non lle podía dicir que non.

A casa del está a escasos metros da miña, poño unha chaqueta, e achégome alí. Pegado da casa ten un local anexo, cunha lareira para afumar os chourizos e estas cousas. Escoitei falar dentro e entrei.

Nada mais entrar, atópome con Manuel, con Antonio, e con Roxelio, tres veciños do lugar que tamén acudiran á chamada de Xosé. Estaban asando castañas na lareira. Mentres, na mesa, cinco cuncas esperaban polo viño novo que xa traía o señor Xosé nunha xerra, algo turbio, aínda non clareara de todo. «Castañas e viño» pensei, isto promete. Serviu unha cunca para cada un, brindamos pola amizade, e probamos o viño. Para min era moi forte, moita acidez, o viño da Ulla xa se sabe...

Os patróns empezaron a contar as historias de cando eran rapaces, de cando eran mozos e se metían coas mozas, de cando ían coas vacas para o monte, de cando estiveron no servizo militar… Eu estaba na gloria, canto botei de menos unha gravadora aquela tarde, cantas cousas contaron aqueles homes, e cantas marcharán con eles cando se vaian.

Eu estaba contento por varias razóns, pero que aqueles catro vellos quixeran contar comigo aquela tarde enchíame o peito. Entre contos, castañas e viño, cando nos decatamos eran case as dúas da maña. Apuramos o último grolo, despedímonos, e prometemos volver a repetir aquela xuntanza.

E de camiño a casa, eu ía pensando, estes vellos non debían morrer nunca.

J. Antonio Giao Caramés, técnico comercial, 46 anos, A Estrada.