Cando nos di que esta vez vai ser a última, é mentira. El sábeo e nós tamén e, aínda así, aventurámonos nun arriscado equilibrio entre a audacia e o desfalecemento volvendo a executar (no meu caso é valida calquera das acepcións do verbo) a sucesión de movementos que se nos marcara minutos antes, nun intre no que cada novo paso fora avaliado cunha expresión de suspicacia e o inevitable autocompadecemento derivado da falta de habilidades inherente á miña persoa. Como ben cantaba a de Barranquilla, hips don’t lie e as miñas dende logo non o fan. Non poderían, aínda que quixesen.
Para compatibilizar esa problemática coa aspiración de achegarme ao estado máis elevado posible de plenitude mental e física focalizo a miña ollada nos seus pés e, unha vez gaño seguridade, ignoro o grande espello que temos enfronte para mirar ao lonxe.
Semella que para poder avanzar debo evitar que o reflexo certifique unha escena potencialmente desagradable, de aí que prefira quedar metaforicamente cego para gañar en concentración e perceptibilidade e, por que non dicilo, en felicidade. Mentres cada un vai dixerindo o seu propio cóctel de sensacións, facemos a coreografía unha e outra vez ata que nos aborda o momento da penúltima. Nunha estratexia máis lóxica do que parece, el desbota a partícula que antecede á raíz e proclama a viva voz que aí chega a última, concedéndonos así unha prima de enerxía coa que nos pide que cheguemos máis lonxe, que o fagamos máis grande e que o vivamos, que o bailemos.
Cando rematamos e celebramos a nosa pírrica vitoria escoitamos de novo as palabras que confirman que fomos enganados sen decatarnos de que, en realidade, estásenos a brindar unha vida extra no xogo para chegar aínda máis lonxe, facelo aínda máis grande e vivilo en grao superlativo. Pode que por iso paguemos con suor o prezo da mentira, porque fóra do baile os enganos son máis viles e máis crueis. Porque bailar coma se fose a última vez dános ás para chegar a onde queiramos.
Jesús Rey Modia, arquiveiro e bibliotecario, 30 anos, Lugo.