Mariña camiñaba a paso vivo e con xesto serio co boticario (que ía escachando coa risa) collida da man cara ó grupo de visitantes que estaba xunto a capela. Sempre fora unha rapariga moi espelida. Seus pais procuraran dende ben pequena inculcarlle a afección pola lectura. Como ademais vivía preto da fundación Neira Vilas, en Gres, tivera a sorte de coñecer a Anisia e a Xosé Neira Vilas. Eles seguiran fomentándolle esa afección ó tempo que a instruíran sobre a riqueza histórica da comarca. O resultado fora que, desde os 9 anos, Mariña decidira nos meses de xullo e agosto traballar como «guía turística» para encher o peto e poder viaxar por toda Europa cando fose maior. Este era o terceiro ano no que «exercía» e estaba bastante contenta co resultado, pois era moita a xente que acudía pola zona a gozar da paisaxe e a bañarse no río.
A nena achegábase cando vía un grupo e, educadamente, ofrecíase a contarlles as historias acontecidas alí pola «propina» que os ouvintes quixeran darlle ó final da visita. Algunhas das que máis «éxito» tiñan sempre eran a da batalla contra os franceses na ponte de Ponte Ledesma ou a do castelo que mandara destruír Berenguel de Landoria. Tamén había multitude de lendas sobre as insuas e todo isto contábao a rapariga con tal paixón e entusiasmo, que as propinas acostumaban ser bastante xenerosas. Só había unha cousa que a incomodaba e era que a xente pensara que era ela quen inventaba o que lles relataba. Cando iso sucedía ía correndo á casa e traía algún dos libros onde o que estaba a dicir estivera reflectido.
Con todo, había unha historia que non aparecía en ningún libro, a da festa do San Ramón nas insuas de Gres. Esta festa, que tiña moita sona, comezara a celebrarse facía uns 70 anos porque unha muller da comarca morrera dando a luz. Como o marido da finada era moi crente, cando isto aconteceu decidiu comezar a facerlle a festa ó San Ramón (pois a el se ofrecen as futuras nais para ter un bo embarazo e parto) a fin de que isto non lle acontecese a ningunha outra muller da rexión. Así que cando alguén dubidaba desa historia Mariña ía correndo á farmacia buscar ó boticario, pois era o fillo daquela pobre muller finada cando el naceu.
Pilar Buján Jacobo, 33 anos, enfermeira, Lalín.