O desencanto

Manuel Iglesias Nanín RELATO

RELATOS DE VERÁN

Ás veces non sei que dicir. Isto é algo que me ocorre moi a miúdo. Mais o certo é que descoñezo a que se pode deber. O que converte calquera acontecer cotián nunha situación que incluso me atrevería a definir como desagradable. Por non dicir moi desagradable. Pois a xente sempre demanda. Algo. Calquera cousa. Un dicir. Mesmo un ademán. E todo este xeito meu de facer, ou talvez de non facer, aínda que pola miña parte sexa dunha maneira inconsciente, provoca sempre unha especie de intimidación que ademais de condicionar, limita. Arrastrando consigo unha esixencia que un non sempre se atopa en condicións de facer. E aínda menos de satisfacer. Xa que cada día é máis difícil atoparse no camiño con alguén que a mereza.

Pois non é certo iso de que cada un dispón do seu espazo vital. Non. Hai algúns que o ocupan todo e non permiten aos demais nin un mínimo movemento.

Agora ben. Tampouco atoparás a ninguén que se dea por aludido nese feito de arrebatarlle ao outro o seu lugar. Non. Porque non se trata de recoñecer. De recoñecerse. E menos aínda no mal facer. Sexa este mal facer do xeito que sexa. Porque se presenta cada día de mil formas distintas. Aínda que un o padecemos máis que outros. Coas consecuencias e a carga emocional que iso supón. De aí que o desencanto sexa un latexo que cando entra, sentes como pouco a pouco se vai estendendo. E como, unha vez asentado, se apodera de ti e xa o familiarizas coa túa torpeza ao socializar.

Porque é, precisamente nesta cruel necesidade externa, onde todo o desastre atopa a súa razón. A mesma que non paga a pena debullar. Porque iso faría que todo fose aínda a peor.

Rematando, quizais, nese desastre que, este si, non tería volta atrás.

Manuel Iglesias Nanín, 50 anos, libreiro, O Carballiño.