Ten a ollada posta nunha árbore que loce fachendosa diante da fiestra, amosando os seus incipientes froitos.
Entrementres, con movementos ininterrompidos, enérxicos e constantes, prosegue co seu 20% do exercicio acadado.
Os seus pensamentos fan tamén o seu camiño ao ritmo da canción que soa: «No luchar por lo que quieres solo tiene un nombre y se llama perder».
Flash?flash, flash?flash, flash?flash.
40 % completado.
Unha serpe humana de cativas e cativos procedentes dun campamento de verán, coas súas mochilas ao lombo, levando os seus traxes de baño, as súas chanclas e a palabra conciliación escrita na fronte, distraen a súa atención das verbas que aparecen na pantalla: inicio rápido, velocidade, tempo, calorías…
Flash?flash, flash?flash, flash?flash.
70 % completado.
A imaxe do que ten que mercar para xantar (leituga e cogombros para facer unha ensalada e carne para facer uns pementos recheos) mestúrase coa idea de «alimentar mentes» recollida no derradeiro libro que leu no seu tempo de lecer.
Trataba sobre que moitos africanos confían as súas vidas a unha pateira para chegar á terra prometida.
As raiolas de sol, que entran timidamente, fana ir a unha praia galega de augas transparentes; lembra como se mergullou e pensou morrer de friaxe.
Flash?flash, flash?flash, flash? lash.
As ideas xorden ao ritmo da elíptica do ximnasio, móvense frenéticas no seu maxín e chegan ao fin do seu percorrido coincidindo co 100 % do exercicio completado.
Mañá, mentres as rapazas e os rapaces asistan de novo ás súas clases de natación, volverá subir nesa máquina de cavilar.
M.ª Manuela López Cea, 49 anos, mestra, Ames.