15h 52min

Alejandra Sánchez Mozo

CULTURA

18 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Faise a luz no cuarto, aínda que chamar a este lugar cuarto é quizais demasiado ousado, pois só dispón de tres portas. Todo parece unha ilusión e a miña incerteza vai en aumento a medida que pasan os segundos. A miña única información dáma o meu reloxo, que marca as 15.52 horas.

Decídome a abrir a primeira e vexo a unha nena pequena, recentemente nada, que me resulta moi familiar. Nesta porta vexo a súa infancia e nenez, cuberta de sorrisos e bágoas, coma se dunha película se tratase. Maréome e non podo evitar preguntarme: «Quen era esa nena? Onde me atopo?», e decido abrir as portas restantes para tranquilizar a miña incerteza.

Na segunda porta vexo transcorrer a súa adolescencia, marcada por inseguridades e novas experiencias. Namora por primeira vez, fai amigos e madura física e emocionalmente.

Por último, a terceira porta mostra a súa idade adulta, chea de éxitos e tropezos. Sinto que a coñezo e vai en aumento ese sentimento de familiaridade a medida que transcorre esta película. Pero o final é inesperado: a súa vida élle arrebatada por culpa dun erro. De camiño ao traballo, aumenta a velocidade e soa o seu móbil. Decide contestar á chamada entrante, desviando a súa atención da estrada. Está distraída e non ve o que vexo eu. Grítolle que pare o coche pero, como era de esperar, non me oe. Eu son unha mera espectadora do que sexa que sexa isto, e só ela pode evitar chocar contra o camión que ten diante. Desafortunadamente, non se decata ata moi tarde e morre, exactamente, ás 15.52 horas.

Volvo ao cuarto inicial, vólvome e aprecio que agora hai un espello no que me miro. Berro. Acabo de ver pasar a miña vida por diante.

Alejandra Sánchez Mozo. 17 anos. Vigo. Estudante.