Bartoliña

Isaac Campos Paseiro

CULTURA

16 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Anoitecía nun frío día de outono, cando comezaron a oírse os bramidos da única vaca que tiñamos. Ía parir, non sen grandes esforzos, coa axuda da miña nai e a do veterinario. Naceu unha escuálida tenreira, alaranxada toda ela, e con catro palitroques por patas, apenas puido coñecer á súa proxenitora pois esta morreu pouco despois do parto.

Maruxa, a miña nai, tras o devir dos acontecementos, comezou a persignarse coma unha posesa á vez que profería unha infinidade de lamentacións amentando a algún que outro santo entre as mesmas.

Mentres tanto, entre tremores, Bartola, como así a chamariamos, loitaba por poñerse en pé. A miña Bartoliña víase moi débil, tanto que a miña nai dixo: «Non vai valer nin para facer caldo», pero eu, coa ilusión dun neno de 7 anos, poñía toda a miña fe en cada intento por erguerse, e despois duns cantos intentos así pasou. «Mira, nai! Xa vai! Mira! Xa pode! Mira! Levantouse, xa non tes que facer caldo con ela, míraa, nai». O corazón latexábame tan forte que pensei que se me saía do peito. A miña nai virouse cara ao veterinario e este, cun xesto de cabeza, pois non era moi dado ás palabras, confirmou as miñas esperanzas, iamos ter Bartola por moito tempo. Así que o veterinario dixo «Maruxa, un cubo limpo» e comezou a muxir a vaca para sacar todo o leite que puido.

Mirei para Bartola e fíxeime nos seus ollos de mirada perdida, buscaban o corpo da súa nai, que con resignación deixara de loitar, abrazando a morte en lenta agonía. Achegueime todo o que puiden, pensando que se os animais puidesen sentir coma nós, agora sentiríase coma min, naquel día en que o meu pai co seu sorriso baixo a boina marchou ao mar para non volver xamais. Así que me acheguei aínda un pouco máis, arroupándoa coa miña calor.

A noite pasou levando consigo o xélido testemuño que a morte deixa ao seu paso. Por certo, chámome Carmelo, e agora íame a encargar de que Bartoliña non se sentise soa.

Isaac Campos Paseiro, 54 anos. Pontevedra. Funcionario.