Que formemos parte dos soños de outros talvez sexa o misterio máis descoñecido para calquera de nós. Digo isto porque non podía imaxinar que estaba nas fantasías oníricas do vagabundo que dorme nos soportais que protexen a entrada do supermercado, a uns metros da miña casa. Envurullado nas noites xeadas do inverno nunha lea de mantas e cartóns, entre restos de froita caducada e iogures a medio consumir que estenden o fedor agre da desesperanza a varios metros á redonda. Todas as mañás cedo, camiño do traballo, debo sortealo. El, deitado no seu tobo, medio abre os ollos ao meu paso e mírame; logo volve entrar no seu soño recorrente, o de formar parte, co grao de piloto, da tripulación dun navío militar do exercito galáctico. Frota de lanzadeiras espaciais que percorren os abismos das distancias estelares e se encargan de controlar o tráfico de mercadorías perigosas, organismos vivos e produtos prohibidas polos tratados asinados na Convención do Universo. Diante da pantalla de navegación acaba de localizar no cuadrante das carnes e embutidos unha mancha sospeitosa e manobra para mudar o rumbo. Ao saír do hiperespazo decátase de que está sendo atacado, posiblemente por unha nube de luras portuguesas procedentes dunha peixería mutante. Emiten ondas de tinta magnética que se o alcanzan conseguirían anularlle os sistemas de control. Activa o escudo protector e vira para facerlles fronte. Descubre ao causante da orde de ataque, un choco abisal Jabba, agochado baixo unha montaña de xeo. Suspende as comunicacións, que sen dúbida o delatarían, desprega as velas solares, escora nunha elipse e sitúase enriba, abre os zapóns e cóbreo cunha xelatina de pexego ecolóxico que sela calquera posibilidade de fuxida. Ordénalle ás luras sicarias que se rendan sen condicións nin ofrecer resistencias ou serán destruídas. Sae da nave e realiza a detención sobre o mostrador da carnicería e captura o que lle parece unha grea de mercenarios piratas orixinarios de distintos meteoritos solares. O xefe desa tropa de bandallos asasinos ten a miña cara. No soño, o vagabundo estelar, olla o fermoso abrente que ilumina as lindes de Orión.
Na realidade, mírame vir camiñando pola rúa aínda en penumbra, incorpórase sobre un cóbado nos cartóns e sentencia: «Serás castigado a penar en perpetuidade nos contedores para conxelados de Urano», logo revírase, envólvese na calor resesa das mantas esfiañadas e segue soñando coa captura que o levaría ao infinito e máis alá: un envío de baleas transxénicas a dous anos luz das Portas de Tanhauser.
Marco Domínguez Sáenz-Díez, 22 anos. Pontevedra. Estudante.