Meiga

Melanie Ertl González

AL SOL

Melanie Ertl González. 20 anos. A Coruña. Estudante.

06 ago 2018 . Actualizado a las 22:00 h.

Era unha tarde de verán nunha desas praias perdidas que non chegan a encherse. Había algo, non sei se a tranquilidade do ambiente, a natureza ou a misticidade do lugar, que lle daba a aquela tarde aparentemente normal unha nota máxica. Puro benestar. Sabes cando queres sentir algo o máis forte posible e pechas os ollos? Pois eu pechei os ollos para sentir aínda máis o frescor do océano e a calor do sol, que acariciaba a miña pel entre nubes e correntes de aire; para ulir as pedras húmidas e o salitre que impregnaba o ambiente e para oír o son das ondas e os gritos das gaivotas que voaban ceibas na busca de apetitosos manxares. Xa baixaba o sol cando abrín os ollos. Sopraba unha brisa que che puña os pelos de punta porque os raios de luz, cada vez máis baixos e febles, quedaban camuflados pola outra cara do cantil. A xente marchaba e nós tamén.

Carteira, chaves, móbil… O móbil! Botei a correr desfacendo o camiño andado pensando que seguiría na praia. Sentinme culpable polos meus colegas, que agora tiñan que esperar por min, mais contentábame o poder botarlle unha última ollada á fermosa paisaxe que deixaramos atrás. Cheguei ás escaleiras de pedra que baixaban á praia e agora tiña unha visión completa da costa. O sol fundíase coa auga no horizonte e alegreime de estar aí para velo. Ao lonxe distinguíase na beira unha figura feminina xogando cun can. Obviei a posta de sol para contemplala a ela: a maneira na que corría, case danzando; a forma en que as ondas rompían nas súas pernas espidas; a brutal naturalidade que desprendía… A súa esencia parecía invadir o aire igual ca sal. Quedou parada cara ao mar antes de dar a volta e mirarme aos ollos, coma se xa soubese que eu levaba un rato alí. Dígovos que a súa mirada foi o máis máxico daquela tarde, máis aínda que a praia. Ela ría, corría e brincaba, cada vez máis preto do horizonte e máis lonxe de min, e atrapábame nos seus ollos, que trazaban unha liña imaxinaria aos meus. Sorriu unha última vez e deixouse engulir pola marea, rompendo o feitizo que me mantiña namorada nun chanzo de pedra naquela praia perdida mentres os meus amigos esperaban por min. Esquecín o móbil.