O rastro do tempo

Jesús Garabato Rodríguez

AL SOL

Jesús Garabato Rodríguez. 53 anos. A Coruña. Músico.

06 ago 2018 . Actualizado a las 22:00 h.

Arrastra a maleta que durante demasiados anos foi a súa fiel compañeira de desvelos e fatigas. Mentres, coa mirada baixa, vai saudando a quen nin se molesta en corresponderlle cun simple xesto de cortesía, comeza a subir a costa. Alcanzado o seu destino, con esforzo, déixase caer sobre o primeiro dos bancos que atopa, invisible tamén para aqueles que, enfronte, a voces tratan de vender a súa quincalla. Amodo, abre a maleta e, acariñándoos, pousa a súa ollada sobre os trasnoitados e cotrosos libros que outrora insuflaran algo de vida á súa vida, perdida en tantas noites solitarias e en tantos hostais deprimentes.

Que muller ía querelo a el, sempre traballando e sempre fóra da casa? Ao pensar de novo en María, as torpes bágoas que ensombrecen as engurras do seu rostro non impiden que alcance a ver como o tempo, o único que recibiu daqueles mozos que o despediron, esvaece mansamente no seu pulso. Xa aliviado, vaise. Atrás quedan as lembranzas, a soidade, o sufrimento... E, aínda que tarde, tamén unha mirada.