José Luis F. Sarceda. 43 anos. Castroverde, Lugo. Profesor
28 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Amparo, coa vista anubrada polos anos, enmaraña o fío despois de zurcir uns calcetíns roídos no calcaño. Anoitece cando oe ao seu fillo vir coas vacas. Unha xata recúa e Eladio, enrabechado, zorrega nela sen compaixón. Cousa estraña, pero anda anoxado dende que na aira hai aparcado un Dodge e na casa unha fermosa muller morena leva unhas saias moi coloridas por riba dos xeonllos, que contrastan coa eterna negrume na que se envolve a súa nai. De feito, Eladio anda a marchar sen cear para a tasca do Claudio e non volta ata ben entrada a noite, ás veces tan empelicado que non é quen de subir para o cuarto, quedando a durmir no banco da cociña.
Eladio non é o mesmo dende que voltou do Brasil o seu irmán Antonio, casado e cun pequeno mecoso que choromica cando o bañan na baldeta. Decotío vénselle á memoria aquela fría mañá de outono na que o acompañou ao porto de Vigo de onde zarpou o barco co ventre cheo de moita miseria e esperanza. Só había uns meses que unha afiada navalla empuñada por un bébedo anarquista desangrara ao seu pai nas festas de Librán. Daquela Eladio mergullouse na amarga soidade unicamente endulzada por Amalia, ata que ela, queixosa pola tardanza en pedirlle para casar, marchou servir á capital.
Nas parrafadas coa súa nai el sempre aparecía coma un segundón, cuberto por unha tona de invisibilidade e tinguíndose todos os feitos dun condicional se («se el estivese…», «se el o fixese…», «se el voltase…»). Os veciños da aldea tamén andan engaiolados polo fachendoso Antonio e a Eladio, que sempre anoxou as riquezas porque atoan o tino, cómeo o demo. Ata que esta noitiña apareceron pola casa uns paisanos chamando por Antonio para que lles puxese unhas letras para recomendar ao fillo de Vicente perante o señorito Sabino. Daquela ao dios Antonio baixárono da súa peaña cando lles contestou:
-Non sei ler nin escribir.