Alejandro García Rey. 36 anos. A Coruña. Seguridade privada
28 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.«A dor é muscular», diagnosticou por terceira vez o médico do PAC. A terceira vez que acudiamos ao centro de saúde con dores no costado e a mesma resposta. Pero esta vez non íamos marchar así. Esiximos que a mirasen mellor, así que nos desprazamos ao hospital de Cee. E logo dunhas horas de probas e análises, déronnos a noticia: cancro.
O mundo derrubouse ao noso arredor. Comezaban seis meses (era o tempo previsto que quedaba de vida) de dor e sufrimento. Acordámosnos con rabia do centro médico no que nos dixeron nas tres visitas que a dor era de músculos.
Cheguei á casa de meus pais, e deilles a noticia da miña sogra. Miña nai contoume que alguén un pouco menos importante tamén tiña cancro. Dalma, a nosa cadela de caza. Fun vela e, efectivamente, o bulto que lle sobresaía do abdome era importante. A tristeza invadiume, pois o cariño polos animais case é tan grande coma polas persoas. Aquel estaba a ser un outubro negro. Despois dun mes no Hospital da Coruña, tocaba ter na casa a unha persoa que sabiamos que nuns meses desaparecería. Dous meses máis, e as pernas non respondían. A cama sería onde ía pasar o tempo que lle quedaba. Vinte e catro horas de coidados, de viaxes á farmacia, de chamadas ao hospital, de sustos cando parecía que non espertaba. A vida pasou a ser abandonar todo e dedicarse por completo a coidar unha persoa. Unha chamada á casa, para preguntar por todos. «¿E Dalma como está?», quixen saber. «Está igual», contestou miña nai, «por agora aquí segue».
12 de maio. A uns pasos do traballo, soa o teléfono móbil. Vexo a cara da miña muller na pantalla. «¿Si?», contesto. Entre bágoas, infórmame da morte da súa nai. Chamo á empresa e prepárome para afrontar os dous últimos días de sete meses de pesadelo. Traxe, gravata negra, unha limpeza de zapatos, e traslado ao tanatorio para chorar a morte de alguén que estaba comezando a desfrutar a xubilación. Moitos plans truncados pola maldita enfermidade.
Visito a Dalma uns días despois. Alí está, tan cariñosa coma sempre. Di meu pai que aínda come menos que antes. Miro o bulto que lle sobresae da barriga, e penso no inxusta que é a vida.