Pi. Pi. Pi. Ola. Pi. Ola, mamá, como está?. Pi. Pi. Quedou durmido xusto agora. Pi. Pi. Estaba moi ilusionado porque viñerades. Pi. Non din atopado sitio para aparcar antes. Pi. Pero estaremos aquí cando esperte, verdade Darío? Pi. Pi. Si, cariño, agora quita a chaqueta, nos hospitais sempre vai moita calor. Pi. Eu teño que marchar xa. Pi. A enfermeira dixo que viría en media hora para poñerlle a medicación. Pi. Acompáñote ata a entrada e de paso pillo un café. Pi. María, volvo en dous minutos. Vale. Pi. Chao, María. Chao, mamá. Pi. Pi. Pi. Dende que estás aquí non fas máis que durmir, sempre te pillo durmindo. Pi. Pi. Pero Darío e mamá din que cando estás esperto segues a ser o mesmo. Pi. Pi. Non sei se quero que sigas a ser o mesmo. Pi. Mamá dixo que antes de vir para aquí volveras beber moito. Pi. Pi. Sempre que bebes pasan cousas malas. Pi. Pi. Espero que cando espertes, non volvas beber. Pi. Pi. Xa o din na tele, papá. Pero ti coma non estás nunca na casa non o sabes. Pi. Como é vivir no hospital? Pi. Pi. Trátante ben? Pi. Na casa estamos ben. Darío xa acabou os exames da universidade e está de vacacións. Pi. Pi. Por iso pode vir máis veces verte. Pi. Na escola estamos a preparar unha actuación para fin de curso. Pi. Espero que desta vez vaias vir, ultimamente véxote moito máis que cando non estabas no hospital. Pi. Pi. Mamá díxome que te habías poñer ben. Pi. E que ao mellor podías vir. Pi. Pi. Ela tamén está ben, xa volve conducir porque recuperou a vista do ollo esquerdo. Aquel no que levara o golpe ao caer polas escaleiras. Pi. Creo que mamá te quere moito. Pi. Pi. Sempre que vés á casa ponse tan nerviosa que aos poucos días aparece con moratóns. Debe chocar con todo ao andar acelerada. Pi. Pi. A min tamén me pasa, antes do meu cumple. Gústame tanto que esa semana choco con todo. Pi. Pi. Canto tarda Darío. Pi. O outro día discutiu con mamá e díxolle que tiña que denunciar que non podía seguir así. Pi. Pi. Non entendín a que se referían, son cousas de maiores. Pi. Piiiiiiiiiiiii. Darío, creo que papá vai espertar que está facendo un ruído moi raro. iiiiiiiiiiii. Darío! iiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii. Habitación 234 entrou en parada. iiiiiiii. María, vén comigo. Sal de aí. iiiiiiiiiiiii. Darío, por que entran as enfermeiras, está ben? iiiiiiiiii. Teño que chamar a mamá.
Lucía Ramiro taboada
19 anos. Estudante.
Foz.