Beni Vidal Tomé. 56 anos. A Coruña. Profesora de lingua galega e literatura
04 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Corría o ano 59 e eu insistíralle a meu pai que me levase ese día ao mar. Había tempo que ían outros rapaces da miña idade. A vida non era doada para ninguén, pero era peor para os sinalados e nós aínda eramos as polas.
Sairamos ao solpor con boa raza coa intención de largar as pezas por Punta Batuda, pero como a tarde estaba calma, tiramos cara a Creba. A illa tiña sona de que nos arredores había abundantes bancos de peixe e semellaba que se tiñamos sorte coas betas, cargaríamos de fanecas. E así o fixemos. Como aínda era tempo, meu pai decidiu ir máis lonxe, á Atalaia. Eu calaba, admiraba a destreza que tiña: agora collía por aquí, logo turraba da relinga, sempre atento á vela, a man no temón… Ao pouco, empezou a levantarse vento, e a medida que sopraba máis, meu pai movíase dun lado a outro da dorna sen parar; a noite deitaba e xa non se vía nada. Eu sabía que no escuro todo vén ser igual, pero a noite no mar é a nada. De súpeto púxose a chover e o nordés asubiaba como nunca o oíra, o tempo tornouse frío e os salseiros mollábanme, as pingas do sueste caendo pola cara non me deixaban ver. Xa estaba arrepentido de terlle pedido que me levase con el.
Eu non sei se polo medo ou polo frío, non era quen de pronunciar palabra, pero polo baixo rogaba que tirara cara ao porto, abaixeime e fun sentar nos paneis da dorna que xa estaban enchoupados da auga que entrara. Pedíalle a Deus e á Virxe do Carme que nos valese apreixando o escapulario do pescozo. Meu pai, pola contra, seguía ao seu e só lle oín dicir que desde Caveiro ata os baixos da Atalaia, o mar é máis bravo e noites coma esa tiña pasado el moitas.
Non podo dicir cando o fixo, pero a dorna virou e xa volvíamos estar pola Creba. Ao lonxe divisábase o faro, primeiro a Miñateira e ao pouco atracabamos no molle. No porto contoulles aos mariñeiros que deixara largadas as betas e as pezas na ría ata que amainara o nordés.
Cando iamos camiño da casa pregunteille polo medo ao mar e el contoume que o mar vese vir, téñolle máis medo a aqueles homes de azul que había no molle ca ao mar.
Ao entrar pola porta, miña nai apertoume e el só dixo: «coido que o rapaz quere ir ao Seminario!».