Chorar

Manuel I. Nanín

RELATOS DE VERÁN

Manuel I. Nanín. 47 anos. O Carballiño. Libreiro

11 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre chorei moito. Sempre. Mais dende un tempo que non son capaz de dicir, creo que o choro se apoderou definitivamente de min. Foi coma unha especie de lategazo, que chegou para bater en min. Mais agora ese bater xa non representa ningún temor pola miña parte. Pois ese tempo de, por favor, non chores, que unha e outra me dicía a min mesmo, ficou atrás.

«Xa de cativo fuches un neno de moito chorar». Estas son palabras de mamá. Palabras que non conteñen nin o máis mínimo asomo de reproche. Todo o contrario. Quizais comprensión. Paciencia. E tenrura. Si. Moita tenrura. Acaso esta sexa a palabra máis achegada. A que mellor reflicta todo aquel vivir abondado de inocencia. Mamá atendía todo e coidaba de todos. E nunca decaeu na súa ansia por levarme a calquera consulta médica que entendera necesaria. Pero en ningún lugar foron quen de darlle unha razón. Choraba. E choraba. Mais o certo é que nada do acontecido provocou en min nin un chisco de preocupación. Nin de condicionante. Foi co andar do tempo cando entendín que o chorar se ía quedar comigo para sempre e que non pagaba a pena loitar contra iso.

Non sei. Ás veces asolágame unha rara sensación de que todo se move arredor dun montón de escusas que nós mesmos nos creamos. As cousas acontecen e necesitamos explicalo todo. E a día de hoxe aínda non fomos capaces de entender que unha vez expostos a peito descuberto, o azar é quen fai por nós. E non queda máis alternativa que deixarse facer.

Estamos en xullo. Nun mes de xullo que non concede tregua algunha coa calor. Coa calor non podo. Supérame. E ao longo do verán sempre me acaba pasando algún tipo de factura. Son as tres e media da mañá, duns luns para martes que semella non ter fin. E unha noite máis, outra, non atopo acomodo entre as sabas, polo que non atopo máis opción que desentenderme delas. Só conseguín aloumiñar os ollos durante unhas escasas dúas horas. Espertei dun brinco. Cos acelerados latexos do corazón resoando dentro dos meus oídos e cos dentes tan apertados que, unha vez separados, a dor que me queda lémbrame que algo vai mal.

A miña médica dime en que necesito repouso e distracción. E superar, tamén, algunhas das abundantes fobias sociais que levo comigo e que me limitan tanto no meu urxente descanso. Para o caso de hoxe, deste mal durmir, non atopei motivo. Non o hai. Ou iso creo eu. Pero o choro acaba de chegar. Agora. E está aquí. Comigo. Non fixen nada. Ás veces non paga a pena. Pois ao final todo se reduce á certeza de que a cada un non lle queda máis camiño que asumir a súa propia desfeita.